Historia
A Sidra ao longo da Historia
A sidra é unha bebida alcohólica de baixa graduación, espumosa e agridoce que se obtén pola fermentación do zume de mazá moi popular en diferentes países do mundo.
A produción de mazá e sidra en España conta cunha alta presenza nas comunidades de Asturias, País Vasco e Galicia.
Existen diversas referencias históricas sobre a existencia de pomares e de sidra en Galicia ao longo da historia que se remontan a Idade de Ferro. A sidra, foi bebida de diario nos lares galegos e nas romerias dende a Idade de Ferro ata o ano 1000. Iníciase nesta época unha tala masiva de pomares que serían sustituídos polo cultivo de vides, quedando relegada a produción e o consumo de sidra á zonas non vinícolas onde as condicións climáticas non erán as idóneas para o cultivo de vide.

É así, que o viño substitúe en Galicia á sidra como produto comercial (xurdiron cinco denominacións de orixe vitivinícolas) subsistindo a sidra de forma residual nos vellos lagares domésticos.
A Estrada, é un dos concellos galegos con maior importancia en canto a produción de mazá, tanto sidreira como de mesa. Ao longo da cornixa Cantábrica, A Estrada é coñecida como produtora de mazá de calidade de sidra, existindo incluso unha variedade propia deste Concello como é a Rabiosa de Callobre, que recibe o nome desta parroquia estradende.
Neste concello, existen numerosos produtores que destinan a súa produción de sidra tanto para a elaboración de sidra como a venda a terceiros, dando proba desta tradición e historia a existencia de numerosos lagares antigos.
Testemuñas orais nadas no concello, apuntan que antigamente todo o mundo tiña lagares. En cada casa había unha lagareta para elaborar sidra, pero hoxe en día a maioría das casas xa non contan con ela, xa que se foron modernizando e prescindiron delas.
Nos últimos anos foise recuperando a produción de mazá de sidra, contando a maioría de produtores con certificación de agricultura ecolóxica polo CRAEGA. Nos últimos anos e grazas ao bo facer do produtores estradenses, estase a recuperar a produción de sidra, existindo un total de 3 empresas que comercializan sidra ecolóxica certificada polo CRAEGA.
A Estrada é un territorio con infinidade de recursos, nun marco incomparable onde se mestura a tradición, cultura e a natureza. A sidra, vai a ser o elemento central desta ruta que aporta valor engadido e distinción a este territorio e no que incluso ten a súa propia feira anual que se celebra no mes de xuño.